domingo, 5 de xuño de 2022

Pintamos xunt@s! 😊

 Maña ao abrir as portas do cole, o alumnado poderá ver un río que, como na nosa bandeira, cruza a parede. E tamén Cabanas, xa que ese  río é o de curso mais extenso, que ademais  nace e morre no municipio. No seu percorrido recibe distintos nomes;  Ventín ( cando pasa por Batán), rego de Laraxe (cando pasa polo noso cole), río Frade (ao pasar polo Priorato), río Castro (cando pasa polo Castro das Modias, onde fai de defensa natural, desembocando un pouco mais abaixo na praia de Río Castro), ou río Dana, como ven rexistrado na conca hidrográfica. 


Da grande cantidade de toponimia celta que nos rodea, o alumnado de 6 de primaria fixo un bo traballo no primeiro programa de Radio Cabanas deste curso. Tamén o nome de Dana podería ter relación por estar vencellado á deusa Dana, deusa primordial ou elemental da auga, moi a miúdo relacionada con ríos, fontes, lagoas, océanos… símbolo da fertilidade e abundancia. Deusa triple, que adopta distintas formas, como xove, como nai, e como anciá. Como as mulleres do noso mural.


Xa vedes que nesta pintura, ningún elemento está ao azar,  o alumnado do Eladia foi quen achegou as ideas coas que Leandro fixo maxia. Como sabedes, cada aula estivo este curso traballando nun proxecto enmarcado no de centro "Sitúate". De todo o feito cada aula escolleu un elemento:


4º E.I. xoguete tradicional (cabalo de madeira). Cabalgando ás augas do Dana.


5º E.I. ovellas. Refrescándose na beira do río, coa súa la, seguro que as fiandeiras de Cabanas Rural Asociación de Mulleres, farán prendas ben xeitosas.


6º E.I. Muíño de Ton. O único que queda en funcionamento, dos 38 que no seu momento tivo o río.



1º E.P. Mamíferos das Fragas do Eume, temos o raposo, un río cheo de troitas, os parrulos que seguro están a comer do pan que lles bota Ton, e non podería faltar o noso moucho favorito, Libroucho.


2º E.P. Marisqueiras, 3º E.P. Grelos e mel, 4º E.P. Torre de Andrade, 5º E.P. Festa tradicional: Mómaros 


e 6º E.P. Flora autóctona. Cos Castiñeiros, Carballos e Sobreira.


Rematamos explicando a contribución histórica das mulleres na vida arredor do río, obxecto desta iniciativa. Na mesa, vendendo grelos e mel, a economía somerxida na que moitas mulleres puxeron a súa forza de traballo. A mariscadora, visibilizando o papel da muller no mar. E a nai, realizando o mais importante dos traballos, sen o cal, de seguro que non hai futuro, criar. Este é un homenaxe a todas elas.


Non podemos estar mais contentas co resultado, pero si todo isto ademais o acompañas coa xornada de onte, de verdade que é inmellorable. Grazas a todas as persoas por vir, a pintar, a mirar, a visitar, a falar, a tomar algo, a xogar… Non nos queda ningunha dúbida de que somos unha comunidade chea de vida!


(Actividade subvencionada pola Deputación da Coruña

Importe financiado: 1000 €

Coef: 0,80)